fondo web
GAL | ES
logotipo concello de Santiago
Qué?
Cando?
Onde?
Criterios seleccionados
Suprimir todo
'Once Upon a Time'
Arte | Vídeo/Instalacións
'Once Upon a Time'
Instalación pictórica de Marta Bran
‘once upon a time’ é un proxecto inédito da artista Marta Bran, creado ex profeso para o espazo da Zona “C”, no que a pintura expandida constitúe unha paisaxe bucólica na que un grupo de rapaces xogan ás agachadas.
que

Esta atmosfera envolvente foi inspirada nun sentimento de liberdade do paso da infancia á adolescencia. En concreto, no feito de regresar á aldea no período estival, xuntarse coa familia e amizades, e empezar a experimentar novas sensacións entrando en contacto cunha natureza ás veces salvaxe. Un entorno rural que invitaba á aventura e a intensificar os cinco sentidos. Francesco Careri, falaba do 'andar como práctica estética' e dalgún xeito está presente na esencia deste proxecto. Non só na orixe da súa temática, senón tamén na 'deambulación surrealista' que formou parte do método de traballo á hora de esbozar e recrear a panorámica desta paisaxe idealizada.

A través de pequenos anacos de pan, elaborados en cerámica minuciosamente, emerxe sobre a parede da Zona “C” unha paisaxe fragmentada dun bosque que encadra o escenario de xogo para estes exploradores inquedos. Son diferentes pegadas dunha lembranza do pasado, que calquera espectador poderá reconstruír e facela súa.

Na obra de Marta, ademais das anécdotas do cotián, cobran especial protagonismo as referencias á pintura de autores clásicos. Como fontes principais de inspiración, hai que subliñar a Paolo Uccello e o movemento das súas personaxes na obra Caza nocturna (1460), o preciosismo á hora de tratar o chan nos bosques de Sandro Botticelli, a maneira de integrar ó home e á natureza nos cadros mitolóxicos do renacentista Tiziano e do barroco Rubens, as fragas de bidueiros de Gustav Klimt e -todo isto- sen esquecer o xogo do visible e do ocultamento entre as árbores da obra da amazona de René Magritte.

Ó mesmo tempo 'once upon a time' deu continuidade á exposición individual 'Picnic' inaugurada na Galería Trinta de Santiago de Compostela no ano 2014. E, sendo máis precisos, á serie Conversas cunha torrada.

 

Marta Bran

Melide (A Coruña), 1986. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo en 2009.

Combina a creación artística, a investigación, a docencia e escribe textos sobre arte para diferentes publicacións.

Na actualidade está concluíndo a súa tese doutoral enmarcada no programa de doutoramento en Arte contemporánea, creación e investigación da universidade na que se titulou. Entre as súas exposicións máis relevantes, destaca Picnic, proxecto individual inaugurado en 2014 na Galería Trinta de Santiago de Compostela. Unha presentación pública significativa, xa que dende esa data Trinta represéntaa como artista. O pasado mes de febreiro de 2016, coincidindo coa semana de ARCO, foron da man á feira Drawing Room Madrid. De forma colectiva en Galicia, expuxo en espazos como o MARCO (Vigo), a Fundación RAC (Pontevedra), o Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela), a Fundación Seoane (A Coruña) e o Centro Torrente Ballester (Ferrol) entre outros. A nivel nacional, en diferentes salas de exposicións de León, Bilbao, Madrid e Barcelona. A nivel internacional, en Portugal e recentemente na Galería POST de Kaunas (Lituania). En relación ós galardóns recibidos ó longo dos últimos anos, hai que subliñar o terceiro premio da Deputación de Ourense 2015, Xuventude Crea 2014 e Novos valores 2012, ademais do primeiro premio Fundación Carriegos 2009. Foi seleccionada no I Encontro Cidade da Cultura 2011 e en 2012 participou no proxecto colectivo Container INSIDE neste mesmo lugar.


Folla de sala

cando e onde
Venres 3 febreiro / Domingo 16 abril 2017
  Zona "C"San Domingos de Bonaval 1981 574 152

horario
Entrada libre de martes a sábado de 16.00 a 20.00h domingos de 14.00 a 19.00h luns pechado

de interese
http://www.compostelacapitalcultural.com/adjuntos/1501573859.pdf
http://www.compostelacapitalcultural.com/adjuntos/1501573859.pdf http://www.compostecapitalcultural.org
http://www.auditoriodegalicia.org/ www.compostelacapitalcultural.org http://ofv.auditoriodegalicia.org
www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org/index.html http://www.compostelacapitalcultural.org/adjuntos/1372404450.pdf www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org http://www.santiagodecompostela.gal/medi/Baners/programa_festas_apostolo_2017.pdf
www.compostelacapitalcultural.org/index.html http://www.compostelacapitalcultural.org http://www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org